Sunday 05 de May de 2024

Trece pintores de Corrubedo expoñen a súa obra na Casa do Mar da Parroquia


 

Un total de trece artistas de Corrubedo (once mulleres e dous homes) están a expoñer dende hoxe e ata domingo a súa obra na casa do mar da localidade nunha mostra que está organizada pola Asociación Corrubedo XI Século coa colaboración e patrocinio do Concello de Riveira.

Esta mañá tivo lugar o acto inaugural da exposición, con presenza da concelleira Ana Ruiz; do presidente da devandita asociación cultural, Antonio Freire; e de Fernando Vilariño, comisario da mostra.

Numerosos veciños quixeron estar presentes nesta apertura, amén dos propios creadores e creadoras que colaboraron exhibindo algunhas das súas obras. Ana Ruiz felicitou aos presentes por contar con tan nutrido número de artistas no pobo, en tanto que Fernando Vilariño mostrou a súa especial satisfacción por que entre os participantes se contase tamén con xente moza, o que garante que o mundo da arte teña continuidade en Corrubedo. Pola súa parte, Antonio Freire, salientou o talento e gran calidade manifestada nos lenzos que se poden contemplar, como é o caso da pintora decana de Corrubedo, Maralla.

Os artistas participantes son: Maralla (María José Paz Franco), Salgueiro (María José Salgueiro), Vyanna D.L. (Maria José García Santos), Marisé (María José Prego), Carla (Carla Vizcaya Chouza), Yaiza (Yaiza Santos Romay), Camila (Camila Romay García), Jimena (Jimena Romay Romero), Pitusa M.I. (María José Fernández García), Kavi (Javier Pérez Pérez), J.M. Valiño (José Manuel Valiño Vidal), Sol (Marisol Pérez Santos) e Alba (Alba Pérez Reino).

A mostra pode ser visitada hoxe e mañá en horario de 11 a 13 e de 17 a 22 horas.